Un grupo de 14 nenos e nenas de tres a nove anos asiste a
clases de baile galego no Ceip Rosalía de Castro de Mosteiro
POL. «Ben!» Todos a unha e sen pensalo. Esa é a resposta
unánime dos 14 alumnos e alumnas cando se lles pregunta que tal lles vai no
curso de baile galego que se imparte todos os venres no Ceip Rosalía de Castro
de Mosteiro, promovido pola asociación cultural Leña Verde de Pol coa
colaboración da Anpa do centro.
Naia, Katia e Bruno, de tres anos; Yasmin e Claudia, de catro; Arancha, Maya
e Héctor, de cinco; Laura, de seis; Gea e Ura, de sete, e Hugo, Raquel e Lucía,
de nove, levan oito clases ás ordes do mestre Xabier Iglesias, que ata o
momento, dada a diversidade de idades e o tempo dispoñible —as clases son de 45
minutos— tratou de «facer unha introdución aos diferentes ritmos que hai no
baile galego».
«Traballamos sobre todo con xogos e con música e movemento», explica o
mestre, quen recorda que, con esta iniciativa, coa que se busca «facer
canteira», se recuperou unha antiga actividade que existía no colexio de
Mosteiro.
E a resposta parece ser inmellorable, a xulgar pola contestación dos alumnos,
que explican que «estamos aprendendo os pasos da muiñeira», ao tempo que algún
que outro se apura a afirmar que «nunca me vou desapuntar, porque me encanta!»
‘As abelliñas de San Miguel’, ‘Zumba’ ou outras letras —abrimos e xuntamos e
a mosca espantamos; abrimos e xuntamos e un rato esperamos; abrimos e xuntamos,
patada, patada e paramos— serven para facilitar xogando a memorización de pasos
clásicos cos que xa están a montar unha pequena coreografía, que porán en escena
no Festival de Nadal do centro, que se celebrará o venres 20.
Dende a asociación Leña Verde, que apostou por esta actividade para recuperar
a tradición do baile galego do concello polense, traballan tamén noutras
actividades relacionadas co ensino, coma unha colaboración coa Fundación Antonio
Gandoy, herdeira de Preescolar na Casa, para recuperar esta actividade; ou a
proxección dun documental sobre o ensino no medio rural.
Pola súa banda, a Anpa do Ceip Rosalía de Castro de Mosteiro
inclúe as clases de baile no marco da súa programación extraescolar. Así, nos
recreos do comedor do centro, que é cando se imparten estas clases, tamén hai
fútbol —coa colaboración do Concello este ano contan con nova equipación—.
Ademais, os menores poden asistir a aulas de inglés e de teatro e de cara aos
vindeiros meses está previsto pór en marcha un blog para iniciarse no xornalismo
dixital.
Artículo EL PROGRESO 17-12-2013
http://lector.kioskoymas.com/epaper/viewer.aspx